Final Fantasy VII estrea versión para iOS

xoves, 20 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Durante a celebración do E3 Sony sorprendeu anunciando que estaba en desenvolvemento o agardado remake de todo un clásico de Square Enix, Final Fantasy VII, e como aínda faltan moitos meses para que esta promesa se concrete nunha realidade, están a aproveitar a conxuntura para recuperar o xogo de 1997 que en 2013 estreou versión en Steam, de xeito que colleron esta última versión e adaptárona a iOS, poñéndoa á venda a pasada noite na App Store a un prezo de 15,99 euros.
Este clásico chega agora a dispositivos con iOS 8 ou superior, recomendándose ter como mínimo un iPhone 5S, un iPad de terceira xeración ou un iPad mini 2 para poder gozar deste xogo axeitadamente, pois en modelos anteriores o xogo podería correr moi lento en certos momentos. Curiosamente, aínda que é compatible, non recomendan xogar a este título cun iPod touch.
Este xogo de rol xaponés vén a ser case idéntico que o comercializado para PC a través de Steam, incluíndo funcións especiais para facilitar o seu control en iOS, como un mando virtual que permite axustar a súa opacidade e elixir entre stick analóxico ou cruceta, á vez que tamén inclúe opcións para facer que xogase sexa máis fácil (como poder desactivar os encontros en pantalla de campo e unha función de potenciación) facilitando así que o usuario poida completar a historia e gozar así desta aventura que marcou un xénero.

Tráiler de lanzamento de Final Fantasy VII para iOS

PUBLICIDADE