Final Fantasy XV Windows Edition estrea demo

luns, 26 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A partires de hoxe a versión para Windows de Final Fantasy XV, que estará dispoñible a partires do 6 de marzo, conta na Microsoft Store, en Origin e en Steam cunha versión de demostración de balde que permite gozar de xeito anticipado do primeiro capítulo do xogo, de xeito que non só poderase xogar ao titorial, senón que tamén poderá gozarse do inicio das misións principais, o que tamén servirá para comprobar se o noso ordenador ten potencia dabondo para correr o xogo con fluidez e comprobar tamén o nivel gráfico do que poderemos tirar proveito.
Os que reserven ou merquen o xogo a través de Steam antes do 1 de maio poderán reclamar un contido descargable adicional moi interesante baseado en Half-Life e que poderá incorporarse ao xogo a través do Steam Workshop. Este paquete permite vestir a Noctis cun traxe inspirado no de Gordon Freeman, o icónico protagonista dunha da sagas de Valve mellor recordadas. Aparte do traxe tamén teremos as súas lentes e unha panca.
Final Fantasy XV Windows Edition incluirá todos os contidos que foron chegando á versión de consola de Final Fantasy XV a través do seu pase de tempada, e como grande vantaxe temos o feito de que, se o noso equipo é potente dabondo, permitiranos gozar de gráficos 4K nativos con HDR10, sendo posible incluso configurar o xogo para que corra até a 8K, de xeito que claramente estariamos ante a mellor versión do xogo.

Coa demo podemos comprobar se o noso equipo pode mover o xogo con fluidez

PUBLICIDADE