Finalmente non veremos móbiles BlackBerry con 5G

venres, 11 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

A primeiros de ano OnwardMobility anunciou que mantiña o seu compromiso de lanzar móbiles BlackBerry con 5G pese a non ser quen de facer realidade estes móbiles con teclado QWERTY en 2021, pero que a propia BlackBerry se desprendese das súas patentes relativas á telefonía móbil e á mensaxería instantánea colócaos nunha situación imposible, e dende CrackBerry apuntan a que OnwardMobility carece dos dereitos para lanzar móbiles baixo a marca BlackBerry.
Estas informacións farían xustificadas as moitas críticas a OnwardMobility nos últimos meses, con acusacións de que estaban a vender fume xa que non estaban a dar ningunha información real sobre os seus prometidos móbiles, e non había indicios de que realmente fosen ver a luz.
En calquera caso, os intentos por recuperar o teclado físico QWERTY en móbiles non están tendo continuidade, dando a entender que realmente non existe unha demanda do mercado de dispositivos deste tipo ante o bo funcionamento dos teclados en pantalla, de aí que o retorno da marca BlackBerry non pareza ter un sentido que vaia máis aló de aproveitar unha marca coñecida para ter unha maior visibilidade comercial.

ACTUALIZACIÓN (22-2-2022): Finalmente dende a páxina web de OnwardMobility recoñecen que non serán quen de lanzar un smartphone BlackBerry 5G e anuncian o seu cesamento de actividade.

PUBLICIDADE