FinePix F800EXR, unha cámara que se conecta sen fíos a dispositivos con Android e iOS

xoves, 26 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Os usuarios que desexen sacar fotografías e publicalas rapidamente na Rede, pero non se conformen coas cámaras integradas nos móbiles actuais poden optar por unha cámara dixital como a FinePix F800EXR, que conta cun sensor EXR-CMOS de 16 Mpíxeles, zoom óptico de 20x, pantalla LCD de 3 polgadas, saída HDMI e USB, capaz de gravar vídeo a 1.080p e disparar fotografías a unha velocidade de 8 imaxes por segundo, e que pode empregarse en combinación cunha aplicación para smartphones e tablets con Android e iOS cos que se comunica a través de Wi-Fi, permitindo unha grande axilidade á hora de compartir as nosas instantáneas a través da Internet ou, simplemente, para ver as fotografías tomadas coa cámara dende un tablet.
Esta cámara tamén inclúe modos de disparo que facilitan tomar imaxes nocturnas, estabilizar imaxes en movemento, reducir o contraluz, xeoetiquetar imaxes (valéndonos do GPS do móbil), empregar filtros artísticos, xerar fotografías panorámicas, recoñecemento de caras (así como identificación de cans e gatos) e incluso gardar simultaneamente as fotografías en JPEG e RAW.
Espérase a súa chegada ás tendas no mes de agosto a un prezo estimado de 330 euros.

PUBLICIDADE