Firewall Zero Hour poderá probarse de balde a vindeira fin de semana

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Dende o venres e até o domingo os subscritores de PlayStation Plus poderán gozar de balde dunha versión de demostración do xogo Firewall Zero Hour, un título de acción para PlayStation VR que conta con numerosos modos de xogos e varios mapas que poderán explorarse como unha toma de contacto cun título que moitos xogadores deixaron pasar e que podería ser un bo xeito de tirar proveito do casco de realidade virtual da PS4.
Firewall Zero Hour é un xogo táctico multiusuario de disparos en primeira persoa con combates por equipos de 4 contra 4, no que encarnaremos a un mercenario para protexer información altamente sensible almacenada nun portátil oculto nunhas instalacións conflitivas repartidas por todo o mundo. Así haberá que formar parte dun equipo de 4 contratistas que deberán atacar ou defenderse doutro grupo de 4 contratistas, nas que o xogo en equipo será clave para sobrevivir en intensos enfrontamentos.
O xogo, que contou con 3 actualizacións dende o seu lanzamento o pasado mes de agosto, xa completou máis de 1 millón de contratos realizados, ou sexa, que convenceu a moitos xogadores para gozar da súa experiencia de realidade virtual que durante o presente ano pretende incorporar numerosos contidos para manter á súa comunidade de usuarios pendente deste título, investindo en elementos de personalización como aspectos e armas, na liña do que acontece con outros xogos en liña.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE