Flashback terá remake en alta definición

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

En 1992 Delphine Software lanzou a través de U.S. Gold o xogo Flashback en distintas plataformas (PC, Amiga e Mega Drive) chegando tamén a outras plataformas (Super Nintendo, 3DO, CD-i, Jaguar, OS X, iPhone...) o que serve de claro reflexo do seu éxito, pois este título de plataformas cunha ambientación futurista conseguiu converterse nun clásico instantáneo pola súa mecánica clásica (na liña do Prince of Persia), uns gráficos detallados e unha animación moi realista e fluída (conseguida grazas á rotoscopia), de aí que non sexa ningunha sorpresa que, aparte das súas adaptacións a dispositivos móbiles actuais intenten agora facer un auténtico remake en alta definición, que levará por nome Flashback Origins.
Este novo xogo está previsto para este mesmo ano en versión para Xbox 360, PlayStation 3, PC e Wii U a través das súas respectivas tendas de descargas, e aínda que intentará recuperar o seu espírito, estariamos ante un título completamente novo que está a desenvolver o estudo VectorCell, encargándose Ubisoft da súa edición. A primeira imaxe publicada deste traballo dá impresión de que imos ter un xogo de elevado nivel que deberían recibir cos brazos abertos os que gozaron no seu día do título orixinal.

PUBLICIDADE