Fortnite chegará a Android no verán

venres, 18 de maio do 2018 Marcus Fernández

A conversión do xogo Fortnite a dispositivos móbiles está a ser todo un éxito, non só por conseguir replicar a experiencia de xogo de ordenadores persoais e consolas ao non ofrecer unha versión reducida do xogo, senón tamén polo apoio dos xogadores, que están a investir moitos dentro da aplicación.
Dende Epic Games continúan a pulir o xogo, procurando ofrecer unha experiencia cada vez mellor, para o que agora ofrecen un HUD personalizable, están a traballar en levar o chat de voz aos móbiles, incluirán novas opcións de xogabilidade e control, optimizarán o tamaño que ocupa o xogo instalado e os seus parches (que poderán descargarse en segundo plano) e continuarán a mellorar o rendemento e a estabilidade do xogo. De cara ao verán tamén queren ofrecer estatísticas para os usuarios móbiles e, finalmente, lanzar a versión para Android, xa que actualmente o xogo móbil só está dispoñible para iOS.
O retraso da versión para Android parece bastante razoable, xa que a diversidade de dispositivos de tal sistema operativo é moi ampla pero, especialmente, o número de usuarios é moi superior, polo que abrir o xogo en liña aos usuarios de dispositivos con Android supón todo un reto a nivel de servidores.

PUBLICIDADE