Fortnite estará dispoñible no lanzamento das consolas de nova xeración

mércores, 13 de maio do 2020 Marcus Fernández

Algúns anuncios poden parecer totalmente innecesarios por resultar previsibles, e así é o caso que ocupa hoxe a Epic Games, compañía que confirma que o seu xogo estrela, Fortnite, estará dispoñible de lanzamento na nova xeración de consolas de videoxogos, prometendo tirar proveito das súas posibilidades técnicas.
Dende Epic deixan claro de que non se trata dunha nova versión de Fortnite, senón dunha simple optimización do xogo para poder así gozar de mellores gráficos e outras melloras propias das consolas de nova xeración. O xogo funcionará inicialmente con Unreal Engine 4, pero está previsto que a mediados de 2021 o actualicen a Unreal Engine 5, motor gráfico do que hoxe mesmo adiantaron detalles e permitiron botar unha ollada á súas posibilidades, no que supón unha aproximación incrible ao fotorrealismo.
Os xogadores de Fortnite poderán respirar tranquilos ao saber que a intención de Epic é que as contas de usuarios, os progresos e os obxectos adquiridos no xogo poidan manterse entre xeracións de consola e plataformas, ou sexa, que o salto da actual xeración de consolas á seguinte non será traumático.

Demostración das posibilidades de Unreal Engine 5

PUBLICIDADE