Forza Horizon 4 chega anticipadamente na súa versión Ultimate

venres, 28 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O xogo de condución Forza Horizon 4 ten previsto o seu lanzamento para o vindeiro martes, pero os xogadores máis partidarios da saga, que se fixeran coa súa Edición Excepcional, que inclúe numerosos contidos adicionais, poden gozar xa deste agardado título dende hoxe mesmo. Cómpre salientar que este título está incluído no programa Xbox Play Anywhere, ou sexa, que quen compre a súa edición dixital para Xbox One tamén poderá empregar o xogo en ordenadores persoais con Windows 10.
Forza Horizon 4 incorpora estacións dinámicas nun mundo aberto compartido, conta cun catálogo de máis de 450 coches e incorpora soporte de 4K e HDR, de xeito que os usuarios cos equipos e consolas máis potentes poderán experimentar o xogo cun nivel gráfico moi detallado, reflectindo con grande realismo as paisaxes da Gran Bretaña histórica na que se ambienta o xogo.

Tráiler de Forza Horizon 4

PUBLICIDADE