Freddy Hardest volve como xogo de balde para iOS e Android

luns, 28 de abril do 2014 Marcus Fernández

A pasada fin de semana tivo lugar unha nova edición de RetroMadrid, evento que este ano empregaba como imaxe promocional a portada do xogo de 1987 Freddy Hardest, o que non era unha casualidade, pois no encontro de seareiros de informática clásica fixo acto de presenza Víctor Ruíz (a quen hai pouco puidemos ver en Compostela), para amosar algún dos seus novos proxectos baixo o selo Lakento, entre os que destaca un motor HTML5 para crear videoxogos para a web e dispositivos móbiles, que para amosar o seu potencial estréase cun videoxogo de balde para iOS e Android, Mighty Freddy Alien Terminator, un runner con aire retro que podemos considerar como unha especie de remake do Freddy Hardest orixinal, adaptando a súa mecánica a dispositivos con pantalla táctil.
Mighty Freddy permite personalizar o personaxe con armas, melloras e vehículos, conta con elementos sociais para instar a competir cos amigos e ofrece uns gráficos pixelados moi ao gusto dos amantes do retro.

Realidade virtual de baixo custo

Pero esta non foi a única novidade presentada por Lakento, compañía que tamén está a preparar o Lakento MVR, un visor que permite colocar no seu interior un smartphone no que amosar imaxes estereoscópicas side-by-side, o que permitirá crear unha experiencia de realidade virtual de baixo custo, así como a posibilidade de ver contidos en 3D. Aínda que non ten data de lanzamento fixada, xa aceptan reservas (para as primeiras 1.000 unidades), para o que haberá que adiantar 60 euros para facerse con esta curiosa solución que incluirá códigos de activación para un par de aplicacións: Sharks VR (un xogo de realidade virtual submarina) e Flirt AR (un xogo que realidade aumentada).

PUBLICIDADE