Fujifilm lanza unha nova cámara de longo alcance

venres, 16 de xaneiro do 2026 Redacción

A multinacional xaponesa Fujifilm anunciou o lanzamento da nova SX400, unha cámara de longo alcance con lente integrada que se incorpora á súa gama profesional SX e que chegará ao mercado a comezos de febreiro de 2026. O novo modelo destaca por integrar o obxectivo máis luminoso desenvolvido ata o momento nesta serie, cunha apertura F2.8, pensado para obter imaxes nítidas mesmo en condicións de pouca luz ou durante a noite.
A SX400 combina un zoom óptico de 32 aumentos, que cobre un rango focal equivalente a entre 12,5 e 400 mm, cun corpo compacto duns 300 mm de lonxitude e un peso de 3,9 Kg. Esta combinación permite un uso flexible tanto en instalacións fixas como en despregaduras móbiles, por exemplo en vehículos, embarcacións ou instalacións temporais en obras e recintos de eventos, ampliando así os escenarios de aplicación fronte a outros sistemas de vixilancia tradicionais.
A nova cámara foi deseñada para dar resposta á crecente demanda de solucións de observación a longa distancia en ámbitos como a vixilancia de fronteiras, portos, aeroportos, infraestruturas viarias ou contornas naturais. A escaseza de man de obra e o envellecemento das infraestruturas tamén están a impulsar o uso deste tipo de cámaras en tarefas de inspección remota, un ámbito no que Fujifilm leva traballando desde 2019 coa súa serie SX.
A Fujifilm SX400 incorpora tecnoloxías ópticas avanzadas procedentes do desenvolvemento de lentes para transmisión 4K e 8K e para cámaras de cine. O obxectivo mantén a apertura F2.8 ata os 200 mm, o que reduce o ruído asociado ao aumento da sensibilidade e mellora a calidade da imaxe en contornas escuras. A isto súmase un sistema de estabilización de imaxe de alto rendemento que combina estabilización óptica e electrónica para compensar vibracións e movementos provocados polo vento ou polas longas distancias de disparo.
Outro dos puntos salientables é o sistema de enfoque automático, capaz de fixar o suxeito en apenas 0,1 segundos grazas á combinación de detección de fase no sensor e enfoque por contraste. Ademais, a cámara integra unha función avanzada de redución de néboa e bruma, baseada en tecnoloxía de procesamento de imaxe propia da marca, que mellora a visibilidade en condicións atmosféricas adversas.
Fujifilm subliña tamén a simplificación do proceso de instalación como unha das vantaxes da SX400. Ao integrar cámara e lente nunha única unidade, elimínanse axustes complexos habituais noutros sistemas, como a aliñación do eixe óptico ou a calibración da lente, reducindo así o tempo e o esforzo necesarios antes da súa posta en funcionamento.