Fujifilm presenta a primeira cámara bridge resistente á auga e ao po

martes, 7 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Unha das marcas líderes en cámaras dixitais tipo bridge é sen dúbida Fujifilm, que leva anos trunfando coa súa familia FinePix, á que incorpórase unha rechamante S1, que presume de ser a primeira cámara deste tipo resistente ás inclemencias meteorolóxicas.
A FinePix S1 é unha impresionante cámara cun sensor BSI-CMOS de 16,4 Mpíxeles con Super Macro e un zoom óptico de 50x, capaz de gravar vídeo Full HD a 60 cadros por segundo (con estabilización de imaxe de 5 eixes e redución 3D de ruído), unha pantalla LCD de 3 polgadas, visor electrónico e a posibilidade de comunicarse sen fíos cun smartphone ou tablet para o seu control remoto ou para a transferencia de imaxes (para despois compartilas de xeito doado nas nosas redes sociais).
Esta cámara dixital está construída cun selado que permite que poida resistir po e auga, converténdoa, xunto co seu xeneroso zoom, nunha ferramenta moi práctica para o seu uso na natureza, ao que tamén contribúen a súa velocidade (pode acenderse en 0,68 segundos e realizar enfoque automático en só 0,14 segundos) e a posibilidade de gravar películas a alta velocidade (ata 480 fotogramas por segundo a 240 x 180 píxeles, 240 fps a 320 x 240 píxeles ou 120 fps a 640 x 480 píxeles) para poder rexistrar momentos para a súa reprodución posterior a cámara lenta.
Polo momento non se coñece nin o prezo nin a data de lanzamento desta nova FinePix.

Esta resistente cámara bridge goza dun zoom óptico de 50x


Vídeo promocional da FinePix S1

PUBLICIDADE