Fujifilm presenta unha nova cámara sen espello capaz de enfocar a escuras

mércores, 23 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Fujifilm anunciou que en novembro porá á venda a cámara dixital sen espello Fujifilm X-Pro3, nova integrante da serie X-Pro, popular entre fotógrafos profesionais e entusiastas que traballan principalmente en fotografía documental e de reportaxes, grazas ao seu estilo clásico telemétrico, á súa portabilidade e aos seus diais (que permiten un uso intuitivo).
A Fujifilm X-Pro3 ten un corpo duradeiro, grazas ao uso de titanio para as seccións exteriores. A cámara conta cun sensor retroiluminado X-TransTM CMOS 4 de 26,1 Mpíxeles e cun motor de procesamento de imaxes X-Processor 4, para garantir un rendemento axeitado e unha calidade de imaxe propia dun dispositivo desta gama. Destaca por facer uso de enfoque automático por detección de fase que opera agora cunha luminancia de -6EV, ou sexa, case na escuridade total.
O seu novo visor híbrido avanzado conta cun panel EL orgánico cunha resolución de 3,69 puntos, e tamén dispón dunha alta luminancia e reprodución avanzada da cor para axudar aos fotógrafos e mellorar a experiencia co visor. Tamén conta cun modo de simulación de película CLASSIC Neg, que simula a película negativa en cor que se empregaba habitualmente para as instantáneas cotiás.
A cámara tamén pode gravar vídeo 4K até a 29,97 imaxes por segundo a 200 Mbps en formato MPEG-4 AVC/H.264.

Vídeo promocional da cámara Fujifilm X-Pro3

PUBLICIDADE