Funda que converte o iPod Touch nun teléfono móbil

mércores, 13 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Os usuarios que conten cun iPod Touch e que queiran aproveitar o trebello para realizar chamadas telefónicas coma se tivesen un iPhone pode actualizar o seu terminal cunha funda chamada Peel 520, que está á venda en DealExtreme por 89,80 dólares (64,93 euros) e que incorpora unha batería recargable de 1.200 mAh (permitindo unhas 5 horas de conversa), un módulo 3G e unha fenda para unha tarxeta SIM.
Para poder converter o iPod Touch nun teléfono é preciso que o terminal teña feito o jailbreak, pois o dispositivo físico complétase cunha aplicación informática non aprobada por Apple (de xeito que hai que instalala a través do xestor de aplicacións Cydia) e que permite tanto a realización de chamadas como a xestión de mensaxes de texto.
Aínda que esta solución é totalmente anti-estética, hai que recoñecer que economicamente pode saír moi a conta, pois un iPhone 4 libre con 32 Gb de capacidade custa 699 euros, mentres que un iPod Touch de 32 Gb ten un prezo de 299 euros, polo que co Peel 520 sairía case á metade de prezo.


Proba de funcionamento da funda Peel 520 nun iPod Touch

A funda Peel 520 incrementa considerablemente o tamaño e o peso do iPod Touch, pois mide 12 x 6,6 x 1,5 centímetros e pesa 41 gramos

PUBLICIDADE