GAIN mostra este sábado na Alameda de Marín os grandes retos da estratexia RIS3 de Galicia

venres, 16 de setembro do 2022 S. P.

A Axencia Galega de Innovación, ao abeiro do seu programa de actuacións participativas abertas a toda a sociedade dirixidas a informar da nova RIS3 (Estratexia de Especialización Intelixente) de Galicia e implicar á cidadanía nesta aposta pola innovación, vai organizar unha xornada este 17 de setembro en Marín, na Alameda, a partir das 11.30 horas. A Xornada de Innovación para a Cidadanía (3 Retos RIS3) desenvolverase até ás 13.30 horas.
A xornada comezará cun maratón fotográfico para descubrir oportunidades e retos relacionados coa xestión innovadora dos recursos naturais e culturais (Reto 1). De seguido terán lugar as clases de ciclo indoor baixo a temática do modelo industrial da Galicia do futuro (Reto 2) e tamén dúas sesións de ioga ao aire libre, para poñer de relevo a importancia dun modelo de vida saudábel e envellecemento activo (Reto 3).
O evento, que estará conducido pola escritora e xornalista da CRTVG, María Solar, contará coa participación de importantes deportistas como Desirée Vila, Tamara Echegoyen e Irene Trabazo.

PUBLICIDADE