GSMArena destaca a autonomía do Lumia 1520

luns, 24 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Un dos elementos que máis valoran os usuarios de smartphones é sen dúbida a autonomía, e dende GSMArena desenvolveron unha serie de probas de duración da batería para facilitar a comparación entre distintos dispositivos, resultando bastante sorprendente que o dispositivo que continúa en cabeza é o Nokia Lumia 1520, un smartphpne con pantalla de 6 polgadas presentado hai pouco máis dun ano.
A moitos tamén pode sorprenderlle o feito de que o iPhone 6 Plus, que ten a sona de ter unha boa autonomía, quedase nun modesto posto 19, véndose superado por teléfonos como o LG G2, o Samsung GALAXY Note 4, o Sony Xperia Z3, Z2 e Z3 Compact e incluso varios terminais de fabricantes chineses como Meizu e Huawei.
De feito, podemos apreciar que algúns dos dispositivos que conseguen unha boa autonomía (como o Huawei Ascend Mate 2 4G), pero que algúns dos smartphones insignia de LG, Samsung e Sony poidan presumir das mellores autonomías do mercado é algo que agradecerán os compadores, que poden comprobar que un bo terminal non obriga a prescindir dunha boa duración de batería.

A listaxe elaborada por GSMArena permite personalizar o patrón de uso dos móbiles para coñecer a súa autonomía

Para facer máis doado elixir terminal, dende GSMArena permite personalizar o patrón de uso dos teléfonos, para facernos una mellor idea da duración que terían as baterías no noso día a día, conseguindo unhas autonomías moito máis próximas á realidade e unha menor distancia entre trebellos, de xeito que o Nokia Lumia 1520, que cun uso de 1 hora para voz, navegación web e reprodución de vídeo respectivamente podía presumir dunha autonomía de até 107 horas, se incrementamos as horas de web a 4 e as de vídeo a 3 xa caería até as 40 horas, de xeito que veríase superado por algún dispositivo como o Sony Xperia Z3 Compact (que ten unha pantalla de menor tamaño, e que podería considerase como o terminal cunha mellor relación entre prestacións e autonomía).

PUBLICIDADE