GTA V chega aos 45 millóns de copias para consolas de videoxogos

mércores, 4 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

GTA V conseguiu vender 10 millóns de unidades das versións para Xbox One e PS4, o que supón imporantes ingresos (xa que nos primeiros meses os xogos véndense a prezo completo)

Na publicación dos resultados financeiros do último trimestre de 2014 Take-Two Interactive puxo sobre a mesa a súa boa saúde económica grazas á boa acollida que está a ter o seu xogo Grand Theft Auto V, que pese a ter máis dun ano, conseguiu unhas vendas moi fortes permitindo que o xogo rematarse 2014 con 45 millóns de copias no mercado, dos que preto de 10 millóns corresponderían á nova versión para PlayStation 4 e Xbox One, quedando aínda á espera de estrear a versión para PC (prevista para o vindeiro 24 de marzo).
A compañía espera pechar o 31 de marzo un dos mellores anos fiscais da súa historia, grazas en boa medida ao GTA V para PC e á inminente estrea de Evolve, título para PS4, Xbox One e PC que xa recibiu numerosos premios nas feiras de videoxogos de 2014, polo que prevese que sexa un dos grandes éxitos da primeira metade de 2015.
Este último xogo está editado baixo o selo 2K Games, como tamén outros grandes títulos da compañía, como NBA 2K15 (que vendeu 5,5 millóns de unidades) ou WWE 2K15, que están a colleitar bos resultados, como as franquías de Borderlands e BioShock, confirmando que a senda que percorre a compañía é a atinada.

A versión para PC de GTA V chegará o mes que vén

PUBLICIDADE