GTA V saltará á nova xeración de consolas en novembro

venres, 12 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Rockstar Games anunciou hoxe as datas de lanzamento das novas versións de Grand Theft Auto V, grande éxito da compañía que finalmente dará o salto á nova xeración de consolas o 18 de novembro (cando poderá mercarse para Xbox One e PlayStation 4) mentres que os usuarios de PC terán que agardar ao 27 de xaneiro de 2015 para poder gozar deste xogo que contará con numerosas melloras fronte á versión de Xbox 360 e PlayStation 3.
Estas novas versións de GTA V presentarán importantes melloras a nivel técnico e visual, facendo de Los Santos e o condado de Blaine unha contorna aínda máis inmersiva. O xogo contará con novas actividades, novas armas, novos vehículos, máis vida salvaxe, tráfico máis denso, novo sistema de vexetación, efectos de danos e climatoloxía avanzados... toda unha serie de avances posibles grazas a que agora o xogo corre en máquinas moito máis potentes.
Aproveitaron a ocasión para engadir tamén unha maior riqueza musical a GTA V, de xeito que contará con máis dun cento de novas cancións e novas mesturas de DJ a través de 17 emisoras de radio.
Os usuarios que reserven a nova versión do xogo recibirán un millón de dólares en cartos do xogo (para gastar en GTA V e en GTA Online). Amais, as versión de PS4 e Xbox One incrementarán o número de xogadores en liña até 30, posibilitándose tamén a migración dos personaxes e progresos da versión do xogo para a anterior xeración de consolas á nova (de feito, os anteriores xogadores de GTA V incluso recibirán contidos adicionais exclusivos).


Último trailer de Grand Theft Auto V

PUBLICIDADE