GWENT estrea unha expansión para un xogador

xoves, 7 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Dentro dos xogos de The Witcher naceu un xogo de cartas, GWENT, que deu lugar a un xogo de seu que vén de estrear a súa primeira expansión para un xogador, GWENT: Rogue Mage, que combina os mellores elementos do estilo roguelike, a creación de mazos de naipes e os xogos de estratexia coas mecánicas únicas das batallas de cargas de GWENT, e que dende hoxe podemos adquirir nas súas versións para PC, Android e iOS, sorprendendo en boa medida por venderse a 9,99/10,99 euros en vez de optar pola formula tan explotada do free-to-play.
O xogo está ambientado centos de anos antes de que Geralt de Rivia e o resto de bruxos percorreran o continente, coa humanidade precisando contrarrestar unha invasión de infinidade de monstros, o que leva aos protagonistas (o mago Alzur e a súa compañeira Lily) a embarcarse nunha perigosa cruzada para crear unha arma vivente que erradicará a ameaza dos monstros dunha vez por todas.
Dende CD Projekt Red detallan que non estamos ante un xogo independente, senón que Rogue Mage é realmente unha expansión que decidiron vender por separado pola grande cantidade de contido que incorpora e, especialmente, por permitir xogar sen conexión en calquera momento e lugar.

Tráiler de lanzamento de GWENT: Rogue Mage

PUBLICIDADE