Galaxy A03, o novo móbil de entrada de Samsung

venres, 26 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Entre os dispositivos móbiles de entrada de Samsung temos actualmente o Galaxy A03s, que cun prezo de 150 euros ofrece pantalla de 6,5 polgadas e unha cámara traseira cun sensor principal de 13 Mpíxeles, que pronto vai ter un interesante compañeiro de gama, o Galaxy A03, do que aínda non coñecemos prezo nin data de lanzamento, pero o feito de que aposte por unha cámara traseira de 48 Mpíxeles apoiada por un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles fai crer que estaremos ante un produto que vai ter boas vendas entre os que buscan un móbil económico dunha marca coñecida.
O Galaxy A03 chegará ao mercado cun procesador de 8 núcleos e configuración con 3/4 GB de RAM e 32/64/128 GB de almacenamento interno, así como con carcasas en negro, azul e vermello, de xeito que terá unha diversidade de terminais que facilitará a súa adaptación a distintos niveis de esixencia e prezo.
Este teléfono chegará cunha pantalla HD+ de 6,5 polgadas cunha pestana superior que alberga unha cámara frontal de 5 Mpíxeles. Tamén incorpora son Dolby Atmos e, como grande reclamo, ten unha batería de 5.000 mAh que promete unha magnífica autonomía.

PUBLICIDADE