Garmin Vivofit 3, a pulseira que detecta automaticamente a actividade física que estamos a realizar

venres, 19 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que teñan unha fiabilidade máis que cuestionable, as pulseiras de monitorización de actividade teñen o seu público, que as atopa atractivas como elementos motivadores para manter unha maior actividade física no día a día, e para facer o seu uso máis práctico e doado Garmin presenta a súa nova pulseira vivofit 3, que non só chega en distintos tamaños e formatos, senón que tamén destaca por integrar a tecnoloxía Move IQ, que aseguran que é capaz de rexistrar as diferentes actividades (camiñar, correr, ir en bicicleta e nadar) sen ter que indicarllo manualmente, xa que recoñece os cambios de movemento.
Esta nova pulseira chegará en breve ás tendas a un prezo de 119,99 euros no seu modelo estándar en cor branca ou negra, estando dispoñible por 10 euros máis unha versión extragrande en cor negra e, como grande novidade, por 139,99 euros ofrecerán un lote de pulseiras con deseño de relevo.
A pulseira vivofit 3 no seu modelo estándar ten unha anchura de 22,3 milímetros, un grosor de 10,33 milímetros, un peso de 26 gramos, unha pantalla de 10 x 10 milímetros (que pode facer de reloxo) e resistencia á auga (para poder empregalo con tranquilidade na piscina ou na ducha). Funciona cunha batería CR1632 de tipo botón que achégalle unha autonomía de até un ano enteiro e pode comunicarse co software Garmin Connect para poder consultar os resultados rexistrados pola pulseira.

Vídeo promocional da vivofit 3 de Garmin

PUBLICIDADE