Garmin engade notificacións do smartphone ao seu último reloxo deportivo

mércores, 5 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Atendendo ás tendencias de mercado, concretamente á emerxencia dos smartwatches, Garmin está a actualizar o seu catálogo de reloxos deportivos, e a súa última incorporación resulta bastante interesante, pois sería o Forerunner 25, un reloxo de pulso compacto con GPS orientado para o seu uso correndo, que xa non se limite a rexistrar distancia, intensidade, ritmo cardíaco e calorías consumidas, senón que tamén pode emparellarse con smartphones compatibles tanto para poder copiar os datos gardados a Garmin Connect como para recibir alertas de chamadas entrantes, mensaxes de texto e alertas de calendarios.
Este novo reloxo deportivo conta con funcións como avisar ao usuario de períodos de inactividade prolongada (para animar á práctica de actividade física), é resistente á auga (até 50 metros) e a súa autonomía pode chegar até 10 horas de adestramento ou 10 semanas de monitorización de actividade normal (na súa versión de grande tamaño, xa que a versión pequena caería en autonomía até un máximo de 8 horas/8 semanas).
Estará dispoñible durante o terceiro trimestre do ano a un prezo duns 169,99 euros con só o reloxo ou 199,99 dólares cun monitor de ritmo cardíaco.


Vídeo de presentación do Garmin Forerunner 25

PUBLICIDADE