Garmin presenta novos reloxos de pulso deportivos con pantalla de cor

martes, 17 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que os smartwatches parezan unha tendencia recente, moitos practicantes de deporte xa levan anos levando tecnoloxía no seu pulso grazas aos reloxos deportivos, que fan de asistentes para os seus adestramentos, rexistrando os percorridos mediante GPS e podendo enriquecer tal información con moitos outros datos que axudan a coñecer o rendemento de cada carreira, información que tanto pode axudar para facer un seguimento da evolución persoal para realizar os debidos axustes nas rutinas como para servir de reto persoal (animando ao usuario a superarse).
Aínda que estes dispositivos tenden a ser de grande tamaño e pantallas monocromas, un dos seus principais fabricantes, Garmin, está a mellorar ambos factores cos seus novos Forerunner 620 e 220, reloxos lixeiros e con pantalla de cor que facilita a interpretación dos datos almacenados no dispositivo.

Os novos reloxos deportivos de Garmin poden transferir os seus datos a smartphones a través de Bluetooth

O Garmin Forerunner 620 ofrece as características máis avanzadas, como alertas de recuperación, preditor de carreira, un maximizador de capacidade aeróbica (baseado na estimación do volume máximo de osíxeno que o corpo pode consumir por minuto e quilo de peso), Wi-Fi e capacidade táctil na súa pantalla; mentres que entre as prestacións que comparte do Garmin Forerunner 220 están que integra un acelerómetro para poder funcionar en interiores a xeito de podómetro (sen precisar da compra dun sensor adicional) e a súa conectividade (poden conectarse ao móbil por Bluetooth de baixa enerxía ou ao ordenador por USB).
Ambos reloxos GPS tamén son compatibles con sensores ANT+, polo que serven para rexistrar información de distintos sensores que van dende monitores cardíacos ata contadores de pedaladas na bicicleta, datos que no seu conxunto resultan de grande utilidade para analizar as sesións de adestramento e a medición do rendemento deportivo.
O Garmin Forerunner 220 venderase en versións en negro/vermello e branco/violeta por un prezo que en EE.UU. será de 249,99 dólares; mentres que o Garmin Forerunner 620 venderase en negro/azul e branco/laranxa por 399,99 dólares. En ambos casos é posible mercar o reloxo cun monitor cardíaco por 50 dólares adicionais. Chegarán a EE.UU. dentro de pouco máis dun mes, descoñecéndose polo momento cando se porán á venda en Europa.


Presentación dos novos reloxos Forerunner

PUBLICIDADE