Garmin presenta un smartwatch con GPS orientado a contornos náuticos

xoves, 21 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que os reloxos multi-deporte non son ningunha novidade rechamante, Garmin soubo levalos un paso adiante e adaptalos especialmente a contornos náuticos, de xeito que presenta o seu novo Quatix 3, que sairá á venda este mesmo trimestre a un prezo de 599 euros, e que non quere conformarse con facer un seguimento da nosa actividade deportiva correndo, andando ou nadando, senón que tamén inclúe un contador de captura de peixes, un temporizador para a competición, un temporizador de regatas, liña de saída e axuda de virada para navegación a vela, aviso de fondeo e, como non, tamén notificacións do smartphone para dar conta de correos electrónicos ou mensaxes de texto.
Este reloxo deseñado para a auga, tamén resulta rechamante en terra, cunha resistente construción de aceiro inoxidable, antena GPS e GLONASS de alta sensibilidade, pantalla a cor de alta resolución que pode verse baixo a luz do sol, resistencia á auga a 100 metros de profundidade, unha autonomía de 20 horas en modo GPS, 50 horas en modo aforro e 6 semanas en modo reloxo, altímetro, barómetro, compás... e numerosas aplicacións e pantallas que poden descargarse de balde.
Loxicamente as funcións naúticas preinstaladas son o máis rechamante do trebello, que permite que nunha ollada podamos comprobar a velocidade, a profundidade da auga, a temperatura, o vento... así como información sobre as mareas, rexistro de rutas e zonas de pesca favoritas, e tamén puntos de saída e referencia para regatas. Estas informacións conséguense nuns casos só mediante o posicionamento GPS, e noutros, coa axuda de servizos en liña accesibles a través dun smartphone conectado á Rede. Teríamos así o primeiro smartphone con navegación GPS, altímetro, barómetro e compás que combina funcións de adestramento e de navegación (mariña) que pode rexistrar até 10.000 puntos de seguimento, o que resulta moi práctico en viaxes e aventuras.

Vídeo promocional do Garmin Quatix 3

PUBLICIDADE