Gaurodan, o novo xogo con aires retro de Locomalito

mércores, 31 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O desenvolvedor independente coñecido como Locomalito, autor de xogos como Maldita Castilla, regálanos dende hoxe o seu primeiro xogo creado coa ferramenta GameMaker:Studio (o que facilitará que poida dar o salto a outras plataformas no futuro) que pode descargarse de balde para Windows, Gaurodan.
Estamos ante un título que bebe de clásicos como Defender, Choplifter e Sky Kid, adoptando un estilo semellante ao de xogos de recreativa como Commando, Gyrodine e 1942, e que consiste nunha especie de aventura de monstros que, en vez de estar ambientada no Xapón, toma as Illas Canarias como escenario.
En Gaurodan adoptaremos o papel do paxaro do trono que leva tal nome, e que enfrontarase á besta de lume Guayota, á vez que castiga á humanidade por espertar ao seu antigo inimigo, sobrevoando varias illas destruíndo cidades e outras criaturas colosais, cun ritmo frenético e facendo uso da nosa habilidade e recuperando unha vez máis unhas mecánica de xogo propias das máquinas recreativas.


Trailer de Gaurodan

PUBLICIDADE