Gears Tactics pode descargarse anticipadamente

luns, 13 de abril do 2020 Marcus Fernández

Aínda que a franquía de Gears of War estea intimamente ligada ás consolas Xbox, dende Microsoft cada vez están máis comprometidos cos xogos para PC, e como mostra diso o vindeiro día 28 van lanzar Gears Tactics, un xogo de estratexia rápido e por quendas inspirado na célebre franquía de consolas, no que haberá que controlar a un escuadrón que enfrontarase á ameaza dos Locust que xorden de debaixo da terra. Desta volta, en vez de controlar ao sarxento Marcus Fénix adoptaremos o rol de Gabe Díaz nunha misión para cazar a Ukkon, o malvado xenio detrás dos monstros que asolan o planeta Sera.
Este xogo poderemos adquirilo para Windows 10 (estando tamén incluído no Xbox Game Pass para PC) e en Steam, e aínda que faltan un par de semanas para o seu lanzamento, decidiron habilitar xa a súa pre-carga, de xeito que os que o merquen agora poderán descargalo e instalalo para poder xogar o día do seu lanzamento sen as longas esperas iniciais (que durante as xornadas de confinamento son aínda máis longas xa que os servidores están configurados para achegar as descargas a menor velocidade para non conxestionar a Internet).
Os que merquen antes do 4 de maio o xogo recibirán sen custo adicional o lote de contido descargable Cole Palizabol, que inclúe o recruta Augustus Cole e o conxunto de armadura Palizabol con habilidades pouco comúns. Queda agora agardar un par de semanas para ver se á saga Gears acáelle ben este cambio de rexistro, xa que os principais xogos da franquía son dunha frenética acción en terceira persoa, o que non permite un desenvolvemento moi estratéxico das partidas, como presumiblemente acontecerá con Gears Tactics.

Tráiler de lanzamento de Gears Tactics

PUBLICIDADE