Gears of War: Ultimate Edition terá versión para PC

mércores, 17 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Esta semana Microsoft anunciou no E3 que estaba a preparar Gears of War: Ultimate Edition, unha remasterización do primeiro Gears, para permitir que os usuarios de Xbox One poidan facer máis doada de levar a espera a Gears of War 4, pero na mesma feira, nunha presentación centrada nos xogos para PC, engadiron que este revisión dun clásico de consola tamén terá versión para Windows 10, o que é unha magnífica nova, especialmente para os posuidores de equipos de elevadas prestacións, xa que esta versión de Gears of War: Ultimate Edition poderá correr en pantallas de ultra alta definición sen límite de velocidade de refresco, ou sexa, que non estará limitado á resolución Full HD. Tamén poderá controlase con rato e teclado, e incluirá soporte de Xbox LIVE e gravación en vídeo das nosas partidas.
Lembremos que Gears of War: Ultimate Edition non se limita a adaptarse a equipos actuais, senón que tamén contará con 90 minutos de contido adicional ao xogo orixinal, novos logros, galería de deseños conceptuais e cómics desbloqueables, un modo multi-xogador modernizado (con servidores dedicados, matchmaking baseado na habilidade e novos tipos de partida), 19 mapas, 17 personaxes de Gears of War 3 para desbloquear ao progresar no multi-xogador, características tomadas de Gears of War 3 (marcar inimigos, comunicador de multixogador e personalización de sensibilidade mellorada) e, en definitiva, unha revisión do xogo que revolucionou os shooters en terceira persoa co seu sistema de coberturas e que converteuse en todo un vende-consolas da familia Xbox.

Gears of War é un dos grandes referentes en shooters en terceira persoa, que agora poderá recuperarse con grande calidade nesta Ultimate Edition

PUBLICIDADE