Get Even achegará gráficos foto-realistas ás consolas de nova xeración

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Non son poucos os usuarios decepcionados coa estrea da Xbox One e a PlayStation 4 por amosar xogos que semellan ser simples versións aumentadas dos da anterior xeración, sen chegar a tirar proveito do potencial gráfico das novas máquinas, pero iso é algo que acontece con cada cambio de xeración, pois os xogos feitos en exclusiva para as novas consolas tardan en chegar e os desenvolvedores tamén se demoran á hora de poder aproveitar o seu hardware ao máximo, pero parece que en pouco máis dun ano xa veremos auténticas marabillas se atendemos ao que prometen dende o estudio polaco The Farm 51, creadores de Painkiller e Deadfall Adventures, que co seu novo xogo de acción en primeira persoa, Get Even, pretenden conseguir uns gráficos dinámicos e foto-realistas.
O xogo mesturará elementos de thriller e terror nunha historia enfocada nos recordos dos heroes, determinándose a súa personalidade segundo as opcións que vaian tomando, destacando polo feito de que nas misións para un xogador outros usuarios poderán sumarse como inimigos, sendo imposible para o usuario distinguir a humanos de personaxes controlados pola máquina.
Aínda que polo momento este título que en 2015 chegará para Xbox One, PlayStation 4 e PC é máis promesa que realidade, o trailer que vén de estrear é unha boa mostra da súa ambición e do que a nova xeración de consolas poderá achegar nos vindeiros anos:

PUBLICIDADE