Gigaset presenta Dune, un teléfono directamente inspirado na natureza

mércores, 6 de agosto do 2014 Redacción

A marca xermana Gigaset presentou estes días un interesante aparello “inspirado na natureza”. Trátase de Dune, un novo teléfono fixo que semella que non, non ten nada que ver co libro de Frank Herbert nin co filme de David Lynch do mesmo nome, pero que está claro que si que se inspira nos elementos paisaxísticos e naturais que dominaban ambas obras. De aí o seu nome, duna. Segundo Gigaset, trátase dun trebello “para consumidores esixentes”, un terminal que aproveita os novos achados no eido da biónica para achegar “unha ergonomía e unha beleza sen precedentes”. Preséntase con acabado branco perla e certos detalles de luxo, como a tecla de navegación en cor cobre.
O de “beleza natural” e “aproveitamento dos avances da biónica” vén a conto porque o aparello en cuestión inspírase en certos fenómenos naturais para adaptalos á súa feitura e tecnoloxías. Segundo explica Maik Brockmann, CSO de Gigaset, “todos utilizamos numerosas características biónicas na nosa vida diaria”, e isto ten a súa orixe na idea de Leonardo da Vinci de aplicar como voa un paxaro ás máquinas voadoras e conclúe co peche de velcro inspirado en certas flores e plantas. A arela de Gigaset co deseño de Dune era aplicar “esa capacidade para perfeccionar de continuo estruturas a través de procesos evolutivos”. Isto percíbese en elementos como a propia feitura do aparello, “resultado de formas ergonómicas únicas e cun auricular cóncavo que encaixa á perfección e que garante a mellor acústica”.
O frontal de Dune está formado por unha pantalla 1.8 TFT a cor de 38x32 mm e 65.000 cores, así como un teclado plano e iluminado. Dune ofrece alta calidade de son e mans libres HSP (High Sound Performance). O volume do ton de chamada pódese axustar en cinco niveles e dispón dun jack de 2,5 mm para a conexión dun auricular (mono). Asemade, conta cunha axenda de contactos para 200 entradas con tres números cada unha, pantalla configurábel, funcións de babyphone, alarma integrada, calendario e recordatorio de aniversarios. O aparello permite 320 horas en modo de espera e un tempo de conversación de 14 horas. O modelo Dune CL540a conta con contestador automático integrado que é quen de almacenar até 30 minutos de mensaxes. O prezo do teléfono DUNE de Gigaset é 79,95 euros.

PUBLICIDADE