Gladius, o dron que funciona até a 100 metros de profundidade

mércores, 22 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Aínda que estamos afeitos a que ao falar de drons pensemos en vehículos aéreos non tripulados, tamén existen modalidades subacuáticas que comparten moitas tecnoloxías e que teñen moitas posibilidades, estando estes días a buscar financiamento en Indiegogo Gladius, un dron con cámara Full HD ou 4K capaz de operar até a 100 metros de profundidade, e que conseguiu rapidamente completar a súa meta de financiamento de xeito que esperan poder comezar a entregar unidades do seu produto aos mecenas a partires do mes de xuño.
O máis atractivo de Gladius, é que a súa versión básica (con cámara Full HD) pode conseguirse por 599 dólares (610 euros cos gastos de envío incluídos) ou por 799 dólares (796 euros cos gastos de envío incluídos) no caso da versión avanzada (con cámara 4K), prezo moi axustado para un dispositivo deste tipo, que tanto pode gravar vídeo debaixo da auga como disparar fotografías de 16 Mpíxeles.
Este trebello que entusiasmará aos afeccionados ao mergullo pode controlarse con axuda dun smartphone inserido nun mando a distancia (para o que contará con aplicacións para iOS e Android) e incluso permite a retransmisión de vídeo en directo. A súa autonomía é de até 3 horas, e funciona dun xeito curioso: para o seu control precisa dun cable somerxible (inclúe un de 30 metros, pero pode adquirirse un de 100 metros) xa que as ondas das redes Wi-Fi non penetran na auga, pero o usuario pode estar bastante máis afastado, xa que o cable pode estar fixado a unha boia equipada con Wi-Fi (que funciona até a 30 metros de distancia no modelo básico ou até 500 metros no modelo avanzado). Temos así un produto que pode empregarse tanto na praia como dende embarcacións, destacando tamén o feito de que as súas baterías teñen unha autonomía de até máis de 3 horas de uso continuo (contando tamén con carga rápida que permite a súa recarga en hora e media).

Vídeo promocional da campaña de micromecenado de Gladius

PUBLICIDADE