Go Mic, micrófono USB pensado para portátiles

mércores, 5 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios que queiran facer gravacións medianamente decentes dende o seu ordenador portátil o normal é que non empreguen o micrófono que habitualmente teñen integrado, pola súa mala recepción (principalmente provocada porque está situado no corpo do equipo, polo que o ruído xerado polos discos duros, ventiladores e unidades de lectura óptica resulta toda unha molestia), de aí que o normal sexa optar por micrófonos externos coma o Go Mic, que é un micrófono USB pensado para prender á pantalla do portátil cun mecanismo tipo clip.
Este micrófono de condensador é ideal para o seu uso con ferramentas de recoñecemento de voz, para utilizar aplicacións de VoIP ou incluso para realizar gravacións na marcha. O Go Mic pode operar tanto baixo Windows coma en Mac OS, ten un rango de resposta de 20 Hz a 18 kHz, inclúe unha saída de audio e pode operar tanto coma micrófono omnidireccional como cardiode (sendo posiblemente este último modo o máis atinado para o seu uso).
O seu prezo de venda é duns 50 dólares (34,75 euros).

O Go Mic pode colocarse de xeito doado na pantalla de ordenadores portátiles

PUBLICIDADE