God of War estreará versión para PC en xaneiro

mércores, 20 de outubro do 2021 Marcus Fernández

En 2018 a franquía de God of War rexurdiu como un xogo exclusivo para PlayStation 4, iniciando unha nova saga protagonizada por Kratos, desta volta acompañado polo seu fillo Atreus, nunha aventura na que saltamos da mitoloxía grega á nórdica, e que rematará nunha segunda entrega que verá a luz o ano que vén.
Dado que este título foi o exclusivo de PS4 que máis rápido vendeu, e actualmente está incluído nos PlayStation Hits a prezo reducido, podemos entender que Sony dá o xogo por amortizado, de aí que agora anuncien que o 14 de xaneiro de 2022 chegará a PC, deixando así de ser exclusivo de consolas PlayStation, pero abríndose a novos xogadores que nalgún caso poderían subir ao carro da saga e así facerse cunha PS5.
A grande vantaxe de gozar deste xogo en PC é que poderemos xogalo con gráficos 4K se temos un ordenador potente, algo moi afastado da experiencia que pode conseguirse na PlayStation 4, e precisamente un bo xeito de facerse unha idea de como será a vindeira entrega nunha PlayStation 5 (aínda que cómpre lembrar que tamén estará dispoñible para PS4).
O xogo para PC inclúe interesantes melloras gráficas, con sombras con maior resolución e reflexos mellorados no espazo da pantalla, así como unha integración completa da supermostraxe de aprendizaxe profunda (DLSS) de nVIDIA (de contarmos cunha gráfica RTX), compañía da que tamén podemos aproveitar a tecnoloxía Reflex de baixa latencia. Outro detalle significativo é que God of War non limitará a súa relación de aspecto a 16:9, senón que tamén será posible xogalo en pantallas ultrapanorámicas (21:9), conseguindo así unha experiencia máis cinematográfica.
God of War para PC xa está dispoñible para a súa reserva en Steam e na tenda de Epic Games a un prezo de 49,99 euros (máis do dobre do que actualmente custa o xogo para PS4).

Tráiler da versión para PC do xogo

PUBLICIDADE