Google comeza a vender o LG Watch Urbane

martes, 28 de abril do 2015 Marcus Fernández

O anuncio do LG Watch Urbane foi unha boa nova para Android Wear, pois supuxo a entrada da elegancia do aceiro nun dispositivo wearable co sistema de Google, permitíndolle así situarse en primeira liña de deseño e poder ofrecer unha opción discreta para os consumidores que queren vestir dispositivos discretos. Esta revisión elegante do LG G Watch R chega agora á tenda de dispositivos de Google, onde pode adquirirse a un prezo de 349 euros, comezando a servirse o produto a partires do 11 de maio.
O LG Watch Urbane é un reloxo con pantalla redonda, corpo de aceiro e correa de coiro de grande calidade (que pode substituírse por correas estándar de 22 milímetros de ancho), que ofrécese en cor dourada ou prateada e, aparte de Bluetooth 4.0, tamén inclúe conectividade Wi-Fi, de xeito que sería un dos primeiros dispositivos en poder tirar proveito das novas funcionalidades de Android Wear. Tamén pode empregarse como reprodutor multimedia sen fíos, para escoitar música incluso sen levar o smartphone enriba.
No que respecta a especificacións, estamos ante un dispositivo con pantalla P-OLED de 1,3 polgadas cunha resolución de 320 x 320 píxeles e protección Gorilla Glass 3, procesador a 1,2 GHz, 512 MB de RAM, 4 GB de almacenamento interno, micrófono, resistencia IP67 ao po e á auga, batería de 410 mAh, un grosor de 11 milímetros e un peso de 66,5 gramos.

O LG Watch Urbane chega como un dos smartwatches máis elegantes do mercado (sen entrar nos produtos de luxo)

PUBLICIDADE