Google presenta auriculares sen fíos que non chegarán ao mercado até primavera

martes, 15 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Se ben o Pixel 4 vai tardar en recibir o novo Asistente de Google e funcións de transcrición de texto a voz en linguas distintas do inglés, máis frustrante pode resultar o xeito de que o seu complemento máis atractivo, os auriculares sen fíos Google Pixel Buds, non vaian estar dispoñibles até a primavera de 2020, na liña do que aconteceu o seu día cos AirPods de Apple (que adiaron bastante a chegada ao mercado).
Estes novos auriculares prometen unha grande calidade de son (grazas aos seus altofalantes dinámicos de 2 milímetros), chamadas moi nítidas (os sensores detectan se o usuario está a falar para centrarse na voz e reducir o ruído de fondo) e un uso óptimo do Asistente de Google (chega con dicir «Ok, Google» para invocar ao asistente, así como facilitan a tradución en tempo real); tamén son resistentes á auga e á suor; e a súa batería permite até 5 horas de uso, que co seu estoxo de carga pode ampliarse até 24 horas.
O seu prezo nos EE.UU. será de 179 dólares, e para os usuarios interesados en España xa hai unha listaxe de agarda, dando a entender que estamos ante un produto de elevada demanda e fabricación bastante limitada.

Vídeo de presentación dos Google Pixel Buds

PUBLICIDADE