Google presenta hardware para Hangouts Meet

martes, 31 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Para poder organizar xuntanzas de traballo en liña de xeito profesional existe unha evolución dos Hangouts de Google chamada Hangouts Meet, e para achegar esta solucións ás empresas anuncian hoxe hardware destinado especificamente ao servizo, que consiste nun lote que consiste nun equipo Asus Chromebox cun controlador de pantalla táctil, un micrófono-altofalante e unha cámara con sensor de ultra alta definición.
Esta solución permite que os usuarios poidan unirse a xuntanzas fixadas no Calendario ou ver os detalles dunha reunión cun único toque na pantalla. Tamén fai moi doada a selección ou o silenciado de membros da xuntanza, controlar a cámara... en definitiva, administrar os encontros dun xeito doado e, os clientes da edición corporativa da G Suite poden gravar as xuntanzas en Google Drive.
A proposta de Google permite conectar até 5 micrófono-altofalantes a través dun único cable (o que resulta moi práctico para grandes salas de reunións), a cámara incluída ten un campo de visión de 120 graos (facilitando que se poida ver da todas as persoas que estean na mesa, incluso en espazos bastante reducidos, detectando a cámara os participantes e achegando a imaxe aos mesmos durante as súas intervencións), e todo isto funcionado baixo Chrome OS (o que facilita enormemente a súa xestión, xa que os administradores de sistemas poden controlalos con grande facilidade).
Esta solución de hardware porase á venda hoxe mesmo a un prezo de 1.999 dólares, aínda que a súa dispoñibilidade será bastante limitada xeograficamente (progresando paulatinamente).

PUBLICIDADE