Google presenta novas cámaras para vixiar o noso fogar

xoves, 5 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A familia de produtos Google Nest está a medrar para simplificar a seguridade do fogar con opcións sen cable e unha estética coidada. Entre os produtos que presentaron hoxe está a Google Nest Cam con batería que serviría para interiores e exteriores e ten un prezo de 199,99 euros; tamén estrearían un videoporteiro con batería, o Google Nest Doorbell, cun prezo de 199,99 euros. A maiores, tamén prepararon unha segunda xeración da Google Nest Cam alimentada por cable que ten un prezo máis accesible (99,99 euros).
Nos novos produtos con batería poden reservarse dende hoxe (aínda que non estarán á venda até o 24 de agosto), mentres que a nova Nest Cam con cable chegará máis adiante. Estas cámaras e videoporteiros destacan pola súa intelixencia, de xeito que só envían avisos ante sucesos relevantes, que no caso do videoporteiro incluiría cando se recibe un paquete. Moitas das súas funcións residen nos propios dispositivos, de xeito que só hai que pagar subscricións no caso de querer contar cun rexistro de vídeo en liña (Nest Aware custa 5 euros/mes para un historial de vídeos por eventos dos últimos 30 días ou 10 euros/mes por 60 días de historial de vídeo por eventos xunto con 10 días de historial de vídeo continuo no caso de cámaras con cable).
A nova Nest Cam vén a ser unha cámara Full HD con HDR e visión nocturna que pode funcionar en interiores ou en exteriores, que pode fixarse en case calquera lugar (xa que funciona con batería) e incluso permite comunicacións de voz bidireccionais (de xeito que pode conversarse a través da cámara cun repartidor ou calquera outra visita). Ten un campo de visión de 110 graos, integra sensor de movemento que opera até a 7,5 metros, a súa visión nocturna ilumina até 6,1 metros e só mide 8,3 x 8,3 centímetros.

Vídeo promocional da nova Nest Cam con batería
Pola súa banda o novo Nest Doorbell é semellante á Nest Cam, pero incorpora tamén un timbre, de xeito que convértese nun videoporteiro, podendo funcionar sen cables (o que simplifica moito a súa instalación), de xeito que permite comunicarse con quen estea na porta do noso fogar e tanto pode activarse ao detectar persoas ou animais fronte a porta como a demanda.
Ambos dispositivos de Google Nest traballan en equipo, de xeito que enténdese o fogar como unha unidade; fan uso de machine learning para recoñecer obxectos; contan con numerosos accesorios para facilitar a súa instalación en case calquera lugar; poden manexarse dende dispositivos Nest Hub ou incluso dende a aplicación Google Home, o que fai que as imaxes captades dende as cámaras poidan reproducirse dende practicamente calquera lugar con acceso á Rede.

Vídeo promocional do novo Nest Doorbell

PUBLICIDADE