Google presenta os seus novos smartphones Pixel

martes, 19 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Rematou a espera, e os novos móbiles de Google, os Pixel 6 e Pixel 6 Pro por fin son oficiais, destacando principalmente por funcionar con Tensor, o primeiro procesador desenvolvido directamente por Google, á vez que tamén marca o lanzamento de Android 12.
O modelo máis básico, o Pixel 6, terá un prezo de 599 dólares, mentres que o Pixel 6 Pro custará 899 dólares, chegando ao mercado estadounidense o vindeiro 28 de outubro, mentres que ao mercado español non está previsto que cheguen estes móbiles até 2022.
Os novos móbiles de Google chegan cun deseño completamente novo e moi diferente a outros dispositivos anteriores de Google, destacando especialmente a barra traseira que alberga a cámara, que claramente será o selo distintivo destes smartphones.
Precisamente as cámaras dos novos Pixel son o seu punto forte, cun sensor de 1/1,3 polgadas, de xeito que capturarían até un 150% máis de luz que o sensor dun Pixel 5, conseguindo así imaxes e vídeos con maiores detalles e cores máis ricas. Ambos móbiles tamén contan con lentes de ultra grande angular con sensores máis grandes, polo que este tipo de imaxes non descoidarían a súa calidade.
O Pixel 6 Pro diferenciaríase na cámara por contar tamén cun obxectivo cun zoom óptico de 4x (até 20x de Super Res Zoom) e a súa cámara frontal podería gravar vídeo 4K.
Dende Google tamén destacan que Google Photos fará doado o borrado de elementos indesexados nas nosas instantáneas grazas ao novo Magic Eraser.
As fotografías cos móbiles Pixel tamén conta cun Motion Mode con opcións como Action Pan e Long Exposure, que facilitan a combinación de elementos estáticos e elementos móbiles para reflectir a acción nas instantáneas dun xeito orixinal (mesturando elementos nítidos con desenfoques por movemento).
Outras tecnoloxías que melloran nos novos Pixel serían as de recoñecemento de voz para escribir en mans libres ou para a tradución automática, o que tamén pode aplicarse ao texto en aplicacións de mensaxería como WhatsApp, tradución en directo que polo momento funciona en inglés, francés, alemán, italiano e xaponés.
Cómpre salientar que, aparte das cámaras, as diferenzas entre o Pixel 6 e o Pixel 6 Pro tamén está no seu tamaño, xa que o Pixel 6 ten unha pantalla Full HD+ OLED de 6,4 polgadas cun refresco de 90 Hz e unha batería de 4.614 mAh, mentres que o Pixel 6 Pro conta cunha pantalla Quad HD+ OLED de 6,7 polgadas cun refresco de 120 Hz e batería de 5.003 mAh.

PUBLICIDADE