Google quere erradicar o phishing con chaves físicas

xoves, 26 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Dentro das medidas anunciadas por Google para facilitar que as empresas poidan manter a seguridade na nube destaca a Titan Security Key, unha chave de seguridade FIDO cun firmware desenvolvido por Google para verificar a súa integridade, que polo momento ofrécese aos clientes de Google Cloud, pero que en breve poderá mercarse libremente na tenda en liña de Google, e que supón unha importante mellora para os sistemas de verificación en dous pasos, considerado moito máis robusto que a verificación por SMS.
Este tipo de chaves de seguridade non precisa de ter o smartphone a man nin ter asociada unha conta de usuario a un número de teléfono, e o eu funcionamento é moi sinxelo, xa que chega con ter conectada a chave a un porto USB do equipo informático no que traballamos (tamén haberá versións Bluetooth para dispositivos móbiles), non sendo preciso empregar ningún código para identificarnos, pois chegará con premer un botón na chave FIDO. Deste xeito temos un sistema de seguridade semellante ao do uso de chaves tradicionais, que consegue manter aos usuarios protexidos dos ataques de suplantación de identidade, como ben comprobaron en Google, onde aseguran ter reducido o phishing a cero grazas ao uso deste tipo de medidas de seguridade.

PUBLICIDADE