Gotham City Impostors pasa ao Free-to-Play

luns, 3 de setembro do 2012 Marcus Fernández

A transformación de xogos en rede mediante subscrición en títulos Free-to-Play está a ser algo semellante a unha praga, e o último titulo en caer nesta solución que indica un fracaso do seu modelo de negocio inicial é Gotham City Impostors, un xogo masivo de acción que, aínda que continuará a venderse para Xbox 360 e PS3, na súa versión para PC deixa de venderse para ofrecerse de balde, con contidos adicionais polos que pode pagarse.
Con este cambio ao Free-to-Play o título queda limitado a Steam na súa versión para PC, de xeito que os usuarios que xa tiveran o xogo adquirido como Games for Windows poderán migrar a súa conta, conseguindo así recompensas exclusivas como contraprestación polo seu paso por caixa.
Este FPS multixogador parte dunha curiosa premisa: unha serie de vixilantes disfrazados de Batman deberán loitar contra criminais vestidos de Joker nas rúas de Gotham, podendo formarse parte de calquera dos dous bandos e personalizando os nosos personaxes con estéticas bastante ridículas que forman parte da identidade deste título.


Trailer do xogo que vén de pasar ao Free-to-Play

Estamos ante un caso máis de xogo en liña que ten que mudar o seu modelo de negocio para sobrevivir

PUBLICIDADE