Gradiant, Telefónica Tech e GAIN celebran cunha xornada o quinto aniversario de TEGRA

xoves, 25 de maio do 2023 S. P.

Este xoves 25 de maio celebrouse a xornada conmemorativa do quinto aniversario do Centro de Innovación en Ciberseguridade TEGRA, posto en marcha polo centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Telefónica Tech co apoio da Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación) e co financiamento da Unión Europea no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. Na cita participaron, entre outros, Patricia Argerey (directora da axencia GAIN), e Luis Pérez Freire, director executivo de Gradiant. A xornada desenvolveuse baixo o epígrafe Innovación, ciberseguridade e colaboración público-privada: TEGRA como pioneiro.
Argerey destacou que esta alianza estratéxica entre Gradiant e Telefónica Tech no ámbito da innovación en ciberseguridade “contribúe ao avance da industria galega cara á súa dixitalización, en liña cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia e, deste xeito, á súa competitividade e á das pemes, ofrecendo solucións que dan resposta a un factor crítico para o tecido empresarial como é a seguridade nos sistemas de fabricación”.
Argerey salientou o papel desta Unidade no posicionamento tecnolóxico de Galicia nun sector emerxente e con gran potencial de crecemento como a ciberseguridade, na creación de emprego cualificado e na atracción cara a Galicia da actividade de I+D+i dunha grande empresa como Telefónica Tech.
Ao longo da xornada, presentáronse os principais resultados obtidos durante esta colaboración, abordouse a importancia da ciberseguridade e da xeración dun ecosistema forte neste ámbito, revisáronse as novas tendencias en produtos e servizos de ciberseguridade e achegouse un debate con expertos sobre a influencia da Intelixencia Artificial na ciberseguridade na actualidade e nun futuro próximo.
Esta colaboración entre o centro tecnolóxico e a multinacional arrincou no ano 2017 coa posta en marcha dunha Unidade Mixta de Investigación, no marco da convocatoria homónima da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que obtivo apoio nas fases de creación e consolidación.
O xermolo de TEGRA
As orixes de TEGRA cómpre rastrexalas en 2016, cando se formalizou o acordo de colaboración entre o centro tecnolóxico galego e Telefónica, e de como este traballo conxunto colleu impulso ao ano seguinte coa creación da unidade mixta IRMAS (Information Rights Management Advanced Systems). A partir de aí púxose en marcha o centro de ciberseguridade TEGRA cun máis que salientábel investimento (preto de 2,4 millóns de euros) e con dous referenciais centros de operacións na nosa terra (un en Vigo, na sede de Gradiant, e outro na sede de Telefónica na Coruña, no Montiño).
TEGRA veu a encher un baleiro ben localizado: a ausencia de solucións de seguridade ligadas ao dato. Deste punto xurdiron tecnoloxías como Stela Filetrack, que ten a capacidade de achegar protección total a toda información que atesoura unha compañía. A ferramenta Stela Filetrack, a disposición da comunidade de desenvolvedores e usuarios, amplía a capacidade de manobra dunha empresa en relación aos seus datos: permítelle coñecer onde está a información con independencia de se os documentos atópanse nun local, en servidores, en correos electrónicos ou na nube; e tamén saber cando se comparten con outras persoas dentro e fóra da organización.


PUBLICIDADE