Gradiant ultima a transformación da xestión financeira da firma Toqio
mércores, 26 de marzo do 2025
A sede da empresa Toqio en Madrid acolleu a semana pasada unha xornada de traballo decisiva para o avance da iniciativa que desenvolve xunto o Centro Tecnolóxico Gradiant, enmarcado na convocatoria de Proxectos en Colaboración Público-Privada (CPP) de 2021 da Axencia Estatal de Investigación (AEI). Coa finalización prevista en dous meses, o encontro serviu para revisar os avances, avaliar os obxectivos alcanzados e establecer prioridades para a recta final.
A alianza ten como meta “transformar a xestión financeira de Toqio mediante unha arquitectura avanzada de datos, optimizando a calidade, rastrexabilidade e gobernanza da información”. Isto, segundo explica o centro tecnolóxico galego, permitirá á empresa fintech mellorar a súa toma de decisións e aumentar a súa competitividade no sector.
Durante a sesión, analizouse o progreso da integración de tecnoloxías do dato avanzadas, que é un proceso “clave” para garantir a fiabilidade e eficiencia dos procesos financeiros de Toqio. Ademais, consolidouse a arquitectura final do data lake e avaliáronse os resultados obtidos cos modelos de credit scoring, que son, segundo lembra Gradiant, “aspectos fundamentais para a estratexia futura da compañía”.
A xornada contou cun equipo multidisciplinar de ambas as organizacións. O traballo colaborativo permitiu identificar retos pendentes, definir estratexias e planificar os próximos pasos ata a finalización desta alianza Toqio. Establecéronse datas clave para culminar a integración tecnolóxica e garantir unha transición eficaz cara á nova infraestrutura de data lake.
Grazas á colaboración con Gradiant, Toqio está a implementar solucións avanzadas en calidade de datos, observabilidade e aprendizaxe máquina (machine learning) para a detección de fraude, credit scoring e retención de clientes.
Segundo os responsábeis técnicos da iniciativa Toqio, “esta colaboración está a permitirnos resolver desafíos clave na xestión de datos no sector fintech, dotando a Toqio dunha infraestrutura moderna e eficiente”.
Coa fase final en marcha, nas vindeiras semanas consolidaranse os avances que integrarán a nova arquitectura de datos na operativa normal da empresa.