Gran Turismo 5 sairá o 24 de novembro

venres, 12 de novembro do 2010 Marcus Fernández

No lanzamento da PlayStation 3 a finais de 2006 anunciouse o desenvolvemento do xogo Gran Turismo 5, que foi acumulando demoras que forzaron a Polyphony Digital a comercializar en 2008 o Gran Turismo 5 Prologue, considerado como unha demo de pagamento, e finalmente serán en 2010 cando poderemos ver este agardado título de condución, aínda que non na data prevista, pois en vez de chegar o 3 de novembro, o xogo non sairá á venda até o 24 de novembro, a tempo para a campaña de Nadal.
Segundo parece, este último adiamento vén provocado pola aparición de sistemas que permiten piratear os xogos de PlayStation 3, polo que Sony estaría a instar aos desenvolvedores a preparar os seus novos títulos cunha versión actualizada do seu SDK que inclúe medidas de protección adicionais, ou sexa, que o xogo realmente estaba rematado (non sen tempo) hai varias semanas.
Gran Turismo 5 promete dar a experiencia de xogo máis realista e conseguida do ano, permitindo conducir un inmenso catálogo de coches entre os que destacan novidades coma o Bugatti ou o Lamborghini, e con pistas como a de Mazda Laguna Seca, Trial Mountain ou os novos circuítos urbanos de Madrid e Cape Ring.
O creador de Gran Turismo, Kazunori Yamauchi, asegura que «cando creamos o Gran Turismo orixinal, no ano 1997, queriamos marcar unha nova tendencia no xénero da condución. Co salto tecnolóxico en PlayStation 3, o noso obxectivo en GT5 foi crear outra grande revolución que non só colmaría as nosas grandes expectativas, senón tamén as dos seareiros, agardamos que con creces. (..) Pídovos desculpas por facervos agardar tanto, e desexo que cando probedes as bondades da condución en Gran Turismo 5 non quedaredes defraudados».


Trailer de lanzamento do xogo

Gran Turismo 5 está preparado para o seu uso con pantallas 3D
Os asistentes ao Gamefest puideron probar o novo xogo de Polyphony Digital

PUBLICIDADE