Gran Turismo 6 verá a luz este ano para PS3

mércores, 15 de maio do 2013 Marcus Fernández

Celebrando o 15º aniversario da saga Gran Turismo, que na súa historia conseguiu vender 70 millóns de unidades en todo o mundo, hoxe confirmouse que a finais de ano teremos Gran Turismo 6 para PlayStation 3, de xeito que non haberá que agardar á PlayStation 4 para ter unha entrega máis dos xogos de condución que son un dos grandes reclamos das consolas de Sony e que conseguen abafar co seu volume de contidos, que neste novo título contará con máis de 1.200 vehículos e 7 novas localizacións (sumando un total de 33, con 71 percorridos dos que 19 serán totalmente novos) coa posibilidade en engadir incluso máis no futuro mediante descarga.
Gran Turismo 6 contará con moitas melloras, incorporacións e actualizacións, avanzando na súa proposta de condución real, e cun novo motor que achegará un mellor rendemento do xogo. Tamén potenciará os seus aspectos sociais e as funcións de comunidade.
Durante as vindeiras edicións do E3 e da Gamescom poderanse ver máis detalles deste novo xogo de velocidade.


Trailer de presentación de Gran Turismo 6

PUBLICIDADE