Gran Turismo Sport inicia este mes a súa beta pechada

xoves, 9 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Os seareiros dos xogos de condución teñen unha magnífica nova por parte de Polyphony, xa que veñen de anunciar que o seu agardado xogo Gran Turismo Sport vai celebrar unha beta pechada, o que permitirá que os participantes nesta fase de probas poidan gozar por adiantado dun xogo que pretende converterse no grande referente do seu xénero.
Os participantes na beta poderán elixir cada día entre unha selecta gama de coches e circuítos para competir en liña contra outros xogadores. Durante o período de probas iranse variando os coches e circuítos dispoñibles, e ofreceranse distintas categorías de carreiras e configuracións de circuítos para pór a proba aos seareiros de Gran Turismo.
Os usuarios poderán ver como por primeira vez intégrase o perfil de piloto en Gran Turismo Sport, e introducirase a clasificación de deportividade (que rexistra a conduta do xogador na pista) e a clasificación de piloto (que representa a velocidade xeral e o rendemento nas carreiras) buscando así uns emparellamentos equitativos nas partidas en liña, para que os pilotos que compitan estean equilibrados.
A beta pechada botará a andar o 17 de marzo, e só abrirase a uns poucos usuarios de EE.UU., e tras unha fase inicial abrirase a fase de probas a xogadores europeos. Dende Polyphony aseguran que decidiron iniciar a beta nos EE.UU. pola diferencia horaria que teñen con respecto aos seus estudios en Tokio.
Os interesados en participar na beta pecha poden xa manifestar o seu interese introdución do seu identificador a través do formulario en liña para tal fin.

Vídeo promocional da beta pechada de Gran Turismo Sport

PUBLICIDADE