Gran presenza galega nos proxectos elixidos para a segunda edición de BFAero

venres, 13 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A aceleradora BFAero, proxecto impulsado pola axencia autonómica GAIN para fortalecer iniciativas empresariais innovadoras do ámbito aeroespacial, xa ten seis proxectos acelerábeis para a súa segunda edición. O comité executivo do programa, impulsado ao abeiro da Civil UAV Initiative (CUI), con sede operativa nas Rozas (Lugo), deu a coñecer hoxe a media ducia de proxecto finalmente elixidos. Este ano presentáronse 40 propostas na fase de selección, moitas de las galegas. Finalmente pasan ás fases de incubación e aceleración Alivetor, ContactDrone, FreeDron, IXO Carbon Composites, Drone Velutina 2.0 e Venturi. Cinco destas contribucións proceden da nosa terra.
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou hoxe en Lugo na xornada final de selección dos seis proxectos que entrarán a formar parte da segunda edición da Business Factory Aero. Conde salientou das doce iniciativas que participan nas dúas convocatorias da aceleradora (na primeira e, agora, na segunda), nove teñen orixe en Galicia e tres en Madrid, Barcelona e Valencia.
O conselleiro tamén fixo fincapé na calidade dos proxectos presentados, e sinalou que “permitirán que desde Lugo e desde Galicia se sigan a impulsar solucións innovadoras vinculadas aos vehículos non tripulados e ao sector aeronáutico”. Lembrou asemade que a BFAero enmárcase no polo aeroespacial de Galicia, recordando que a próxima semana inaugurarase a torre de control do Ciar e lembrando que en torno ao aeródromo de Rozas (Lugo) estanse a desenvolver máis de 30 proxectos de I+D nos que están a participar 50 axentes, incluíndo empresas e centros tecnolóxicos.
Tras as entrevistas persoais e presentacións a porta pechada ante o comité executivo de BFAero este xoves, hoxe os proxectos finalistas levaron a cabo un pequeno pitch de forma pública para dar a coñecer as súas iniciativas. Os seis proxectos vencellados ao sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados que formarán parte dos programas de incubación e aceleración son os seguintes:

En incubación:

· Alivetor, spin-off do Centro Tecnolóxico Gradiant (Vigo, Pontevedra). Desenvolvemento dunha carga de pago radar para drons de peso reducido, con capacidade para penetrar en materiais como ladrillo ou cemento. Permitirá a procura de vítimas sepultadas baixo cascallos en escenarios como terremotos.
· Contact-drone, spin-off da Universidade de Vigo (Escola de Aeronáutica do Campus de Ourense). Desenvolvemento de cargas de pago para UAV que permitan establecer un contacto estábel entre o vehículo aéreo e unha estrutura vertical. Esta carga de pago permitirá realizar tarefas de inspección non destrutiva baseada por exemplo en ultrasóns.
· FreeDron, spin-out de dúas empresas galegas; Cartogalicia SL (Santiago de Compostela) e Enxeñería INSITU (Lugo). Dispositivo de captura de datos xeorreferenciados, de carácter multisensor e capacidade para ser embarcado en multiplataforma, como solución hardware-software modular e completa que permitirá un control de captura de datos e integración/procesado básico.

En aceleración:

· IXO Carbon Composites, da empresa Carbon Composites SL (Pontevedra). Deseño e fabricación de estruturas aeronáuticas, reforzos e chasis para drons fabricadas en material composite ultralixero e resistente baseado en fibra de carbono.
· Drone Velutina 2.0, de Eurodrones SL (Pontevedra). Detección, neutralización e destrución dos niños de vespa velutina a través de sistemas RPA.
· Venturi. Solucións integrais con avións VTOL, de Venturi Unmanned Tecchnologies SL (Barcelona). Solucións integrais de adquisición de datos mediante avións non tripulados para o sector enerxético e público (redes eléctricas, oleodutos, vixilancia marítima e control de incendios). Sistema de despegue e aterraxe vertical.

Plan de desenvolvemento e lanzamento

BFAero ofrecerá ás seis startups que sexan seleccionadas un “completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses para a etapa de incubación e de 12 meses para a de aceleración”. Así, terán á súa disposición titorías e asesoramento con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da CUI, oficina propia e espazos para realizar traballo colaborativo (coworking) e recibir unha completa formación en todos os aspectos que afecten á súa idea de negocio. Os proxectos contarán con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais poderán dispor de UAVs de Indra e Babcock de maneira gratuíta e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.

PUBLICIDADE