Grand Theft Auto 3 estrea versións para Android e iOS

xoves, 15 de decembro do 2011 Marcus Fernández

GTA 3 xa poden controlarse dende a pantalla do iPhone

Para celebrar o 10º aniversario dun dos xogos máis influentes, xa está dispoñible para a súa descarga para dispositivos móbiles o clásico Grand Theft Auto 3 de Rockstar Games, que pode adquirirse por 3,99 euros na súa versión para iPhone, iPod Touch e iPad e por 3,85 euros para dispositivos Android, aínda que esta última versión está a experimentar problemas en dispositivos para os que non é compatible (oficialmente funciona nos móbiles HTC Rezound, LG Optimus 2x, Motorola Atrix 4G, Motorola Droid 4G, Motorola Droid X2, Motorola Photon 4G, Samsung Galaxy R e T-Mobile G2x e nos tablets Acer Iconia, Asus Eee Pad Transformer, Dell Streak 7, LG Optimus Pad, Motorola Xoom, Samsung Galaxy Tab 8.9/10.1, Sony Tablet S e Toshiba Thrive).

O xogo tamén está dispoñible para dispositivos Android

GTA 3 permítenos movernos polos baixos fondos de Liberty City, apostando pola liberdade de movemento como proposta xogable, e apoiado por unha trama de humor negro, unha completa banda sonora e uns gráficos de alta resolución. Os seus controis están adaptados a pantallas táctiles (aínda que na versión para Android tamén é posible controlalo con algúns gamepads) e, como nas súas entregas para ordenadores (PC e Mac), PlayStation 3 e a Xbox orixinal, achega moitas horas de xogo.

A versión para iPad do xogo ofrece uns gráficos de alta resolución

PUBLICIDADE