Grand Theft Auto IV supera os 10 millóns de copias

venres, 5 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Take-Two Interactive vén de anunciar os seus resultados trimestrais, dando a coñecer que o pasado 16 de agosto o xogo Grand Theft Auto IV superou os 10 millóns de copias vendidas, consolidando a súa condición de supervendas pese a que o xogo só se pode adquirir para as consolas Xbox 360 e PlayStation 3.
Antes do Nadal vai comercializarse a versión para PC do xogo que, sumado ao feito de que a Xbox 360 vén de rebaixar o seu prezo nos EE.UU. podería dar a entender que o GTA IV non vai ter ningún problema para superar os 15 millóns de unidades vendidas antes de rematar o ano, cantidade que poucos xogos lograron vender ata o momento, aínda que hai que lembrar que as anteriores entregas da saga tamén manexaron cifras millonarias, vendendo o GTA: Vice City uns 17,5 millóns de copias e o GTA: San Andreas chegaría aos 21,5 millóns de unidades vendidas, aínda que o feito de que ambos xogos se comercializasen tamén para PS2 podería ter sido determinante para o seu éxito (xa que a anterior consola de Sony conta cunha base de usuarios impresionante, pois conta cun parque mundial de máis de 140 millóns de unidades, mentres que a Xbox 360 e a PS3 apenas suman os 30 millóns).

PUBLICIDADE