Grande baixada de prezo do smartphone de Essential

luns, 23 de outubro do 2017 Marcus Fernández

O smartphone de Essential, compañía de Andy Rubin (un dos máximos artífices de Android) chamou moito a atención, xa que pretendía ser un produto revolucionario que conseguise converterse nun referente de alta gama dentro do ecosistema Android como un contrapunto ao iPhone de Apple, sorprendendo con detalles como unha pantalla case sen marcos á que a cámara frontal comía un anaco (o que curiosamente tamén pasa co iPhone X) e por contar cun conector magnético para engadir accesorios (como unha cámara de 360 graos), pero o produto non está a conseguir a relevancia esperada, e o produto que saíu á venda por 699 dólares vén de axustarse o cinto, e a partires de agora pode mercarse por 499 dólares, prezo que xa parece máis axeitado para un móbil cunha distribución moi limitada e con moitos retrasos no seu lanzamento (provocando desconfianza nos consumidores).
Está agora por ver se cun prezo popular o Essential consegue vender ben, pois cómpre salientar que estamos ante un dos teléfonos móbiles máis completos de 2017, cun procesador Qualcom Snapdragon 835, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, pantalla de 5,71 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.312 píxeles, cámara traseira dual (con dous sensores de 13 Mpíxeles, cun en cor e outro en branco e negro), cámara frontal de 8 Mpíxeles, Bluetooth 5.0, NFC, lector de pegadas dixitais, batería de 3.040 mAh con carga rápida por USB-C e certificación IP54 (resistencia ao po e á auga). Probablemente o mellor smartphone que pode mercarse nos EE.UU. a un prezo inferior aos 500 dólares.

PUBLICIDADE