Gravador de vídeo en alta definición de Hauppauge

mércores, 1 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Hauppauge lanza ao mercado o que aseguran que é o primeiro gravador de vídeo en alta definición capaz de realizar gravación comprimidas en tempo real en formato H.264 a resolucións de ata 1.080i, compatible con discos Blu-ray, aínda que nun disco DVD-R tamén é posible almacenar ata 2 horas de vídeo (accesibles directamente dende lectores de Blu-ray).
O Hauppauge HD PVR ten entradas de vídeo analóxicas (por compoñentes, composto e S-Video) e de audio (RCA e óptica), sinais que tamén entrega mediante as saída correspondentes para poder amosar os contidos nun televisor durante a súa gravación. Funciona conectado a un PC por USB e tamén inclúe un emisor de infravermellos para poder controlar dispositivos externos (de xeito que de tomarse o sinal dun receptor de televisión, podería programarse as súas gravacións a unha hora determinada na que cambiaríase automaticamente a canle no dispositivo).
Temos así un trebello ideal para gravar a televisión por satélite/cable de alta definición (de non contarmos cun dispositivo que grave directamente o sinal en dixital) e incluso para rexistrar imaxes de consolas de videoxogos. Tamén resulta útil para rescatar vellas gravacións de vídeo en soportes analóxicos.
O seu prezo de venda nos EE.UU: é de 199 dólares, estando xa dispoñible en España a través da cadea de tendas Media Markt.

O HD PVR incorpora entradas e saídas tanto de vídeo por compoñentes coma ópticas de audio

PUBLICIDADE