HP Compaq Mini 705 con 3G integrado

venres, 13 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Telefónica anunciou que comeza a comercializar o ultraportátil HP Compaq Mini 705 cunha tarxeta de banda larga móbil 3G integrada, de xeito que se converte nunha interesante opción para os usuarios que queiran levar a Internet consigo sen ter que cargar cun equipo de grande tamaño e peso nin ter que estar pendente da cobertura de redes Wi-Fi.
O equipo ten unha pantalla de 10,2 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles con retroiluminación LED, funciona cun procesador Intel Atom N270 a 1,6 GHz, 1 Gb de RAM, 60 Gb de disco duro de 1,8 polgadas, lector de tarxetas de memoria SD/MMC, 3G, Wi-Fi, Fast Ethernet, Bluetooth, altofalantes, 2 portos USB e batería de 3 celas. Incluso o sistema operativo Windows XP, mide 16,67 x 26,17 x 2,52 centímetros e só pesa 1,02 quilos.
O HP Compaq Mini 705 custaría a partir de 299 euros de adquirirse á vez que un contrato de banda larga móbil de Movistar, existindo distintas opcións:
- oferta paquetizada de banda larga fixa e móbil combinando una conexión Dúo ADSL cunha tarifa plana móbil por dende 55 euros/mes
- Internet Móvil Plus: para os usuarios menos intensivos, que pagarán só 15 euros/mes con 200 Mb de transferencia a 3 Mbps de velocidade (a partir dos que baixaría a 128 Kbps).
- Tarifa Plana Internet: que por 30 euros/mes dá 1 Gb de transferencia a 1 Mbps (pagándose o tráfico excedente en tramos de 0,g Gb a 15 euros cada un cun límite máximo de 90 euros).
- Tarifa Plana Internet Plus: por 39 euros/mes permite descargar 1 Gb a 3 Mbps (a partir do que reduciría a velocidade a 128 Kbps).
Para promover esta nova oferta, inicialmente contará cun desconto do 50% en cada unha das conectividades. Adicionalmente, as empresas tamén poderán adquirir o HP Compaq Mini 705 dentro dos paquetes de Puesto de Trabajo Informático e Puesto Informático en Movilidad coas vantaxes económicas que iso supón.

PUBLICIDADE